Tuesday 14 de May de 2024

Medio Ambiente anima a que os nenos e nenas da cidade fagan mañá unha plantación virtual de árbores


 

A iniciativa, coa que se pretende encher as ventás da cidade con debuxos das crianzas, realízase con motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques

Mañá, 21 de marzo, celébrase o Día
Internacional dos Bosques e a Concellería de Medio Ambiente que, antes da
declaración do confinamento, tiña programada unha plantación de árbores para este
luns 23 coa colaboración do alumnado de colexios da cidade e coa participación da
alcaldesa, convida agora a todos os nenos e nenas da Coruña a faceren unha gran
plantación virtual de árbores enchendo as ventás das nosas rúas cos seus debuxos.
Antes de pegalos nas súas xanelas, as crianzas deberán enviar unha imaxe dos
seus debuxos ao correo educacionambiental@coruna.es , e con todos os que a
Concellería reciba elaborarase un vídeo que se subirá á web de Coruña Sostible
para alegrar esta primavera que comezou hoxe.
Non hai que esquecer que as árbores non só adornan e dan sombra en xardíns,
rúas e parques, senón que, sobre todo, transforman o dióxido de carbono,
responsable do efecto invernadoiro, en biomasa, minimizan os riscos de inundación,
evitan a erosión, son o hábitat natural de múltiples especies de animais, producen
unha gran variedade de alimentos e un longo etcétera de beneficios. En palabras da
concelleira Esther Fontán, “eses debuxos serán un compromiso de que máis pronto
que tarde as nenas e nenos da Coruña farán esa plantación nos nosos espazos
verdes”.